martes, 25 de febreiro de 2014

As hortas urbanas chegan as nosas vidas

Iniciativa desenvolvida en Granada. Foto: Belén Gavín
Na nosa vida cotiá cando temos que opinar sobre algo, o primeiro paso adoita ser definir sobre que estamos falando. Isto acontece tamén a nivel académico. O primeiro paso é sempre definir o obxecto do estudo. Entre os sociólogos e economistas definir o medio rural, que abrangue, a onde chega e por que elementos esta composto foi unha tarefa que consumiu moitas horas e páxinas. E como resultado desta categorización, tamén definimos o que non é medio rural, é dicir o urbano.

Esta diferenciación, froito da propia categorización, xa fai tempo que saíu das primeiras páxinas das revistas académicas sobre desenvolvemento rural pero aínda permanece un pouso importante no imaxinario colectivo.
A sociedade na que vivimos, posibelmente máis afondado no noso caso, tendeu a facer unha diferenciación moi marcada entre o rural e o urbano. E púxolle unha forte carga subxectiva a  estas dúas etiquetas, enfrontando modelos de vida e modelos produtivos “encontrados”.

O rural ficaba fora do que entendiamos como o urbano e ademais era, digamos, menos desexábel. Eran as cidades os nodos onde se producía a comunicación e o progreso, onde se desenvolvían as actividades culturais e, en definitiva onde valía a pena vivir. Co crecemento do uso dos medios de comunicación e da man da globalización as cidades non só eran diferentes do medio rural senón que se despegaron do territorio no que estaban situados.

Os debates que se suceden ao redor do que podemos chamar como nova ruralidade buscan rachar con esta dicotomía de base. Está xurdindo un proceso chamado recampesinización (Ploeg, 2010) onde se inverte esta desacoplación entre a cidade o mundo rural. Entramos nos chamados canais curtos de comercialización, relacións comerciais onde hai un ou ningún intermediario e onde o produtor e o consumidor teñen total capacidade para decidir (López García, D., 2011).

E un dos exemplos que mellor describe isto son as hortas urbanas. Este fenómeno estase a dar nas cidades de todo o mundo en maior ou menor medida. Iniciativas privadas, promovidas polos concellos ou por outras administracións públicas estanse estendendo polo estado español.

As motivacións que están facendo xermolar estas iniciativas son diversas. Dende a preocupación pola saúde, unha concienciación sobre o modelo produtivo ou unha actitude ecoloxista pasando por unha actividade de lecer ou de aforro. Porén, o que se pon enriba da mesa é unha ruptura cunha visión que identificaba a agricultura co medio rural e en contraposición coas cidades. Ou por dicilo doutra maneira, racha cunha visión que desbota a agricultura das cidades.

Xornada de traballo en "Huertos Familiares". Foto: Belén Gavín
As primeiras experiencias no estado español remóntanse aos anos 80 nun contexto de crise económica e, de maneira paralela, as primeiras políticas públicas por parte dos concellos. Un das primeiras hortas crease en Sevilla, a horta das Moreras, no parque de Miraflores. Do mesmo xeito en Barcelona no ano 86 un grupo de veciñas e veciños montan a “Hort de l’Avi”, ao carón do “Parc Güell”.

Dende entón até a actualidade, iniciativas deste tipo foron medrando en todo o estado. En ocasións da man das institucións, como as hortas de Belvis ou o programa EnTransición da USC (ambas en Santiago de Compostela) ou a pesar destas, como a iniciativa “Esta es una plaza”, que xurde no barrio madrileño de Lavapiés e que tras o peche por parte do concello de Madrid esperta un forte apoio popular e obriga a cesión definitiva do solar só un ano despois.

Nas vindeiras entradas gustaríame entrar máis polo miúdo nalgunha destas experiencias, recollendo todos os puntos de vista e debullando algunhas alternativas ao actual modelo de consumo.


-Fernández Casadevante, J. L. e Morán, N. “Sembrando otras formas de habitar la ciudad”. Revista El Ecologista nº 70.
-López García, D. “Canales cortos de comercialización como elemento dinamizador de las agriculturas ecológicas urbana y periurbana”. I Congreso Estatal de Agricultura Ecológica Urbana y Periurbana. Elx, 6 y 7 de mayo de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario