martes, 11 de febreiro de 2014

A vida das mulleres no mundo rural

Os procesos de despoboamento demográfico que se vive no rural unidos a abrupta desagrarización que se produciu na última metade do século XX tiran unha fotografía do no noso rural onde se albisca una profunda desigualdade ao falar da situación da muller.

Un dos fenómenos que ten maior repercusión é o que podemos denominar como o proceso de masculinización. Neste sentido, “cuando hablamos de masculinización rural nos referimos a un desequilibrio demográfico que se concreta en un déficit de mujeres respecto a la proporción que naturalmente debiera existir entre los dos sexos o razón biológica” (Camarero, L. 2009, páx. 50).


Segundo o informe “Conclusiones. Condiciones de Vida y Posición Social de las Mujeres en el Medio Rural” (MARM, 2009) no ano 2008 no medio rural español residían 104 homes por cada 100 mulleres, un número moi superior ao do conxunto do estado (98 homes por cada 100 mulleres). E este fenómeno ten unha maior repercusión cando se produce naquelas xeracións que deberían tomar o relevo (20-35 anos) e mesmo as que forman o groso da poboación activa (35-49 anos).

Por que se produce este fenómeno? Cales son as causas que levan a pór en risco a sustentabilidade do medio rural no noso país? De boas a primeiras, parece que temos que pór o foco na feminización do éxodo rural. Por un motivo ou polo outro, a proporción de mulleres que deciden emigrar dende o campo a cidade é maior ca de homes.

A focaxe de xénero intúese fundamental. Os diferentes autores poñen enriba da mesa diferentes causas. Unha das primeiras que hai que ter en conta é o desarraigo que viven as mulleres nunha sociedade rural na que predominan as estruturas patriarcais e unha economía de base familiar o que vai impedir unha visibilización das tarefas tradicionalmente atribuídas a elas. O resultado vai ser o xurdimento de estratexias de fuxida, especialmente entre aquelas que gozan dun maior nivel de formación.

Por outro lado, na última metade do século pasado co paso dunha economía rural tradicional a unha agricultura profesionalizada os empregos e as actividades tradicionalmente asumidas polas mulleres van desaparecendo. Son as propias familias as que van debuxando estratexia vital na que os varóns van asumir a dirección do negocio. O sistema educativo convertese na vía necesaria para acceder ao mercado de traballo, o que podemos chamar como a “fuxida ilustrada” (Camarero, Sampedro y Vicente-Mazariegos, 1991).

Non estamos a falar tan só dunha situación de desigualdade xénero no medio rural, onde as mulleres se ven obrigadas a abandonar o seu circulo social e familiar. Non falamos só disto, que xa tería unha xustificación suficiente para fixar a nosa atención sobre el e pór enriba da mesa políticas que dean solución ao problema. Ademais pon en cuestión a reprodución do modelo socieconómico rural e a súa sustentabilidade social desta comunidades rurais no tempo.

Nos últimos anos estase a vivir en Europa o nacemento dunha nova ruralidade, comezan a xurdir políticas de desenvolvemento rural que poñen o énfase na multifuncionalidade dos espazos rurais e que promoven a diversificación da economía rural. Esta nova maneira de entender o rural e o seu desenvolvemento vai incorporar novas actividades e novos actores que van abrir unha fiestra de oportunidades á incorporación das mulleres ao mercado de traballo a través de roles máis feminizados.

As estratexias e as políticas de desenvolvemento rural que se están a debater en toda Europa deben conter necesariamente unha estratexia de xénero. A sostebilidade do medio rural pasa necesariamente polo empoderamento das mulleres e na loita contra a desigualdade en todos os seus aspectos, dende o laboral ao reprodutivo pasando pola representación política e a súa presenza nos diferentes núcleos de toma de decisión.



Ningún comentario:

Publicar un comentario